Con este termo referímonos ao desprazamento forzoso de persoas (adultos e nenos, homes e mulleres), ordenado por unha autoridade estatal. No contexto da Segunda Guerra Mundial normalmente designa as accións da Alemaña nazi que afectaron a millóns de persoas. Con frecuencia a deportación era seguida do internamento en campos de concentración.
Existe unha relación coas políticas xenocidas perpetradas pola Alemaña nazi. Pero deportación, xenocidio e internamento non son equivalentes, non sempre foron unidas, nin sempre afectaron ás mesmas persoas ou grupos.
No referido aos republicanos españois a deportación concrétase en dúas grandes etapas
Desde 1940, coa invasión nazi de Francia
Máis de 7000 españois, exiliados tras a fin da II República, son capturados polas forzas da Alemaña nazi e terminan sendo enviados ao campos de concentración de Mauthausen (Austria, entón anexionada polo III Reich).
Desde mediados de 1942 e ata a fin da II Guerra Mundial,
Hai persoas de nacionalidade española que son detidas na Francia ocupada polo III Reich. O motivo da súa detención adoita ser a implicación en accións armadas contra o ocupante (Resistencia) ou en xeral actividades clandestinas de organización. Isto non é algo específico dos españois refuxiados en Francia, afecta a estranxeiros doutras moitas nacionalidades e por suposto a cidadáns franceses.