Deportados Coruñeses

O golpe de Estado

Adoita situarse o inicio do golpe de Estado contra a Segunda República no 18 de xullo de 1936. Porén, na cidade da Coruña, tanto o día 18 como o 19 transcorreron sen alteracións significativas na vida pública. De feito, o 19 de xullo chegou a disputarse un derbi galego amigable entre o Deportivo da Coruña e o Celta de Vigo (que gañaría o conxunto local 2 a 1) e mesmo, á noite, houbo unha representación teatral no Teatro Rosalía, sede do Goberno Civil. Trataríase da obra Nuestra Natacha, a cargo da compañía Gascó-Granada.

Non foi ata o 20 de xullo ás 14:00h cando as forzas armadas se mobilizaron, proclamaron o estado de guerra e ocuparon os principais edificios administrativos da cidade. O Concello foi tomado sen oposición, mentres que o Goberno Civil, onde se atopaba reunido o comité de defensa da República, resistiu ata que foi bombardeado en nove ocasións por unha batería que os golpistas colocaron no Parrote, o que provocou graves danos na estrutura do edificio e forzou a rendición dos seus ocupantes, entre eles o propio gobernador civil, Francisco Pérez Carballo.

Estado do Teatro Rosalía tras o bombardeo. Arquivo do reino de galicia

A resistencia republicana dirixiuse entón cara os barrios periféricos (Estación, Fernández Latorre, Castiñeiras, Nelle, Gaiteira…), mentres que desde os municipios da bisbarra chegaron un gran número de mineiros para unirse á defensa da República. Pese a isto, a superioridade respecto ao número de armas que posuían os golpistas provocou que dous días despois tivesen o control total da cidade.

A represión

Para consolidar o poder acadado nese momento pola forza e perpetuarse nel, as novas autoridades golpistas iniciaron una política de represión sistemática. O obxectivo era dobre: eliminar a quen considerasen unha ameaza e espallar o medo entre o resto da poboación, para disuadir de calquera intento de oposición.

A maquinaria represiva foi ampla e diversa. Incluíu acoso, marxinación social, humillacións públicas, detencións e sancións arbitrarias, así como torturas, xuízos sen garantías procesuais e asasinatos extraxudiciais, coñecidos comunmente como paseos.

Esta política afectou tanto a persoas anónimas como a figuras moi destacadas da cidade como o derradeiro alcalde republicano, Alfredo Suárez Ferrín; o gobernador civil, Francisco Pérez Carballo; os deputados José Miñones e Luis Rufilanchas; ou mesmo o xogador do Deportivo da Coruña Bebel García, que foron fusilados neste contexto, tras xuizos sen garantias procesuais.

As familias das vítimas, moi especialmente as mulleres, que eran as que adoitaban quedar á fronte dos fogares, sufriron unha situación extremadamente dura. Á perda violenta dun ser querido, que a miúdo era o principal sustento económico, e ao trauma que isto supuña, engadíronse novas formas de castigo destinadas a quebrar a súa estabilidade e silencialas.

Moitas familias, coma a de Martín Ferreiro, tiveron que facer fronte a multas elevadas, á requisición dos seus negocios ou propiedades e a un profundo illamento social, marcado polo estigma de ser “familia dun roxo”, alén das distintas humillacións ás que eran sometidas por parte das novas autoridades. A escritora Syra Alonso é, quizais, quen mellor transmitiu ese clima de represión na Coruña a través dos seus Diarios.

A cultura tamén foi obxecto de persecución. Ademais dos asasinatos extraxudiciais de figuras destacadas como Luis Huici ou Francisco Miguel (a quen mesmo lle foi clausurada unha exposición póstuma) e do exilio de numerosos artistas e intelectuais como Juan González del Valle, Maruja Mallo, Luis Seoane ou Isaac Díaz Pardo, a cidade viviu un episodio especialmente simbólico: a queima pública de libros procedentes de diversas bibliotecas coruñesas, organizada pola Falanxe na Dársena en agosto de 1936.

El Ideal Gallego 19 de agosto de 1936

As fuxidas da cidade

Ante a virulencia da represión, moitas persoas que se sabían obxectivo trataron de agocharse, fuxir da cidade ou, no caso dos menos significados politicamente, afiliarse á Falanxe na procura de protección. Algúns permaneceron ocultos durante anos, como o concelleiro Julio Suárez Ferrín, que pasou unha década agochado nunha farmacia do centro da Coruña. Outros optaron pola fuga, xa fose por terra ou por mar.

Unha das evasións máis coñecidas foi a chamada evasión da Libertaria, na cal unha treintena de dirixentes anarquistas, entre eles Adolfo Bregua, conseguiron escapar desde Oza nunha pequena lancha e chegar ao porto de Xixón, burlando a vixilancia das autoridades franquistas.

Porén, non todas as tentativas de fuga tiveron éxito. Un dos episodios máis lembrados é o intento de 24 persoas que trataron de marchar desde o Monte de San Pedro. A operación fracasou: 20 foron detidas e 18 delas acabaron fusiladas no Campo da Rata.

Polo menos sete dos deportados coruñeses que aínda residían na Coruña víronse obrigados a fuxir tras o golpe de Estado, iniciando un camiño que os acabaría levando aos campos de concentración nazis.

Este mapa representa a traxectoria dos deportados coruñeses dende a súa fuxida de Coruña ata a súa chegada aos campos de concentración nazis; localizouse cada ubicación coñecida ao longo da vida de cada deportado, e posteriormente o xuntamos e representamos en forma de mapa de calor.

  1. Fuxida da Coruña cara a lugares controlados polo exército republicano ou o estranxeiro.
  2. «La Retirada» tras a caída de Barcelona en 1939 milleiros de españois cruzan a fronteira francesa.
  3. En Francia, estes milleiros de españois son internados en Campos de refuxiados (a menudo chamados campos de concentración franceses) nas praias do sur de Francia.
  4. Co estalido da II Guerra Mundial, os españois son movilizados nas chamadas Compañías de Traballadores Estranxeiros, sendo destiñados á preparación de infraestructuras para a defensa de Francia, coma a Liña Maginot.
  5. Tras a ocupación de Francia polo exército Nazi, centenares de españois refuxiados que participaban na contenda integrados no exército Francés, son capturados polos alemáns e conducidos aos campos de prisioneiros de guerra (ou Stalags).
  6. A partires de 1940, co silencio cómplice do réxime franquista, máis de 9.000 españois foron deportados a campos de concentración nazis, (principalmente ao de Mauthausen) se lles coñece coma os deportados españois.

Ligazóns de interese

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Contiene enlaces a sitios web de terceros con políticas de privacidad ajenas que podrás aceptar o no cuando accedas a ellos. Al hacer clic en el botón Aceptar, acepta el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Más información
Privacidad