Deportados Coruñeses

Matías Rodríguez Barajas

O tipógrafo da CNT

Matías Rodríguez Barajas naceu o 24 de febreiro de 1903 en Castronuño (Valladolid). Quedou orfo de pai antes de cumprir os oito anos. Isabel, a súa nai, decidiu emigrar a México, deixando a Matías ao coidado dos seus avós. En 1922, cando tiña 19 anos, trasladouse á cidade da Coruña, onde casou con Mercedes Franqueira Costa. Fixaron a súa residencia na rúa da Torre e en 1933 naceu o seu fillo Mario.

Rodríguez Barajas traballaba como tipógrafo e en 1932 ten unha gran actividade sindical. Coñecido como O Baraja, no mes de maio dese ano organizou unha reunión da Asociación Tipográfica da Coruña para mobilizar aos parados do ramo e en agosto representou ao Sindicato de Teléfonos coruñés no Pleno Rexional da C.N.T. en Ferrol. Foi socio do Centro de Estudos Sociais “Germinal” e en 1933 é socio fundador do Ateneo Libertario “Nueva Era”.

Descoñécese a traxectoria de Matías Rodríguez Barajas durante a Guerra de España, pero a documentación sitúalle residindo na rúa Barón de San Luís nº 10 de Barcelona.

Ao final da contenda, cruza a fronteira francesa coa súa muller Mercedes e o fillo de ambos, de 6 anos. Os tres foron internados no campo de Barcarès.

Solicita a México poder exiliarse alí, pero non recibe resposta. Debeu alistarse nunha Compañía de Traballadores Estranxeiros e a súa esposa e fillo foron devoltos a España.

Foi capturado polos alemáns durante a invasión de Francia e internado, co número de prisioneiro 36826, no stalag XII-D de Trier. O 22 de xaneiro de 1941 foi obrigado a integrar un convoi con 775 republicanos españois que partiu da estación de ferrocarril de Trier con destino a Mauthausen.

Tres días despois chegou ao campo dos españois, no que foi rexistrado co número de prisioneiro 3523. O 17 de febreiro de 1941 foi transferido ao block 17 do subcampo de Gusen. Dez meses máis tarde, morreu o 11 de novembro de 1941 ás 07:23 horas. A causa oficial da súa morte foi unha insuficiencia mitral.

Catro días despois os seus restos foron convertidos en fume, en cinzas. Tiña 38 anos.

Mario, o fillo de Matías e Mercedes, marchou a vivir a Canadá. Casado con Ángeles, tivo tres fillos: Mario, Suso e Agustín. Faleceu no ano 2008.

Documentación

Acta de defunción. ITS AROLSEN

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Contiene enlaces a sitios web de terceros con políticas de privacidad ajenas que podrás aceptar o no cuando accedas a ellos. Al hacer clic en el botón Aceptar, acepta el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Más información
Privacidad