Traxectoria en Francia grazas á correpondencia
Julio Martínez Arias nace en A Coruña, en setembro do ano 1914, no seo dunha familia de seis irmáns, da que el era o primoxénito. Fillo de Julio Martínez Domínguez, funcionario da Deputación, e de Estrella Arias García, os dous veciños da Cidade Vella coruñesa.
No ano 36 casa con Carmen Mahou de la Gándara, filla dun dos propietarios da fábrica de cervexas Mahou. Na viaxe de noivos a Barcelona, sorpréndelles o levantamento franquista. Julio é mobilizado e incorporado ao exército da República, mentres a súa muller permanece na cidade condal. A súa área de actuación sitúase, principalmente, en Aragón, tanto en Huesca como, posteriormente, en Teruel, así como en diversos puntos de Cataluña, sendo, posiblemente, o seu derradeiro servizo o traslado coa súa unidade de La Selva a Girona, xa en febreiro do 39.
Unha vez en Francia ingresa, como milleiros de republicanos, no campo de internamento de Barcarès. Será onde se entere do falecemento da súa muller, Carmen, vítima dun dos bombardeos efectuados sobre Barcelona.
Tras o estalido da 2ª Guerra Mundial intégrase nos Corpos de Voluntarios Estranxeiros, e é nomeado sarxento do 1º Rexemento de Marcha.
Ferido en combate, traba amizade cun capelán, J.C. Charretier, quen lle ofrece o seu domicilio en Rosny-sous-Bois como residencia, preto de París. Dende este enderezo poráse en contacto coa súa familia na Coruña e irá dando conta da súa situación.
Reincorporado novamente á fronte de guerra, é capturado polo exército alemán e trasladado ao Stalag 211 do que logo pasa ao Stalag XII-C, de Wiebelsheim, en Renania-Palatinado. Dende alí é trasladado a Tríer e deportado, o 15 de maio de 1941, ao campo de exterminio de Mauthausen, onde ingresa co número 3406.
Pouco tempo despois o trasladano subcampo de Gusen onde morre gaseado, no castelo de Hartheim, o 7 de setembro de 1941.
Foi a correspondencia que mantivo o seu amigo J. Charles Charretier coa familia o que posibilitou coñecer a súa traxectoria vital en Francia así como o seu tráxico final.
Prensa
Honor y memoria para Julio Martínez Arias
Las dos trincheras de los Martínez Arias
Primeros gallegos con una Stolperstein: «Se lo merece, nunca pudo tener un duelo público»
Documentación
Carta de Defunción. Ministerio dos Antiguos Combatientes e Vítimas de guerra. Francia