O dirixente socialista gaseado en Harteim
Fernando Batalla Canle naceu na Coruña o 25 de maio de 1915. Era o máis vello dos cinco irmáns, fillos de Primitivo Batalla Rodríguez, natural de Tazones e Juanita Canle Rodríguez, de Betanzos.
O pai traballou nas conservas, posiblemente, en Mugardos. Máis tarde, trasladáronse a Llastres (Asturias).
Batalla Canle era militante do Partido Socialista Obrero Español e presidente da Agrupación Socialista de Llastres.
No inicio do golpe foi mobilizado xunto co seu irmán Bernardo, quen morreu en combate.
Trala caída da Fronte Norte, debe marchar por mar e dende Francia achégase a Cataluña, onde traballou como chófer e con domicilio en L’Escala (Girona).
Coa “retirada” de Cataluña, exíliase en Francia onde é internado en Argèles-sur-Mer durante un ano. O 30 de xaneiro de 1940 incorpórase á 199ª Compañía de Traballadores Estranxeiros (CTE), sendo destinado a L’Isle-Jourdain e Availles-Limouzine, no departamento de Vienne.
Coa CTE e a fuxida do exército francés, é recluido no campo de Les Alliers en Angulema, o punto de partida, o 20 de agosto de 1940, do célebre convoi dos 927. Despois de catro días de viaxe, foron levados ao campo de Mauthausen, alí foi inscrito coa matrícula 3930.
Foi trasladado a Gusen o 29 de marzo de 1941 e asasinado na cámara de gas do Castelo de Hartheim o 22 de setembro de 1941.
Documentación.
Acta de Defunción de Mauthausen. ITS Arolsen