Traballar na línea de Maginot e acabar morto en Gusen
Enrique Tallón Charlón naceu o 4 de xuño de 1912 na rúa da Franxa, na Coruña, sendo seu pai natural de Outeiro de Rei e a súa nai de Betanzos.
Antes de escapar para Francia, tralo final da Guerra Civil, Enrique estaba solteiro e residía e traballaba en Barcelona, igual que o seu irmán Francisco, uns anos máis novo.
Despois do exilio en Francia, Enrique Tallón acabou formando parte da Compañía de Traballadores Estranxeiros nº 28 (CTE 28), que foi asignada en Septfonds ao 5º exército, destinado á liña Maginot, na rexión de Lorena.
Igual có seu irmán, que formaba parte da CTE 8, acabou prisioneiro dos alemáns, sendo detido, primeiramente, no Front-Stalag 140 de Belfort, para despois ser levados ao Stalag XI-B de Fallingbostel, un 20 de xuño de 1940. Neste lugar permanecerían ata inicios de 1941, cando serían transportados ao Campo de Exterminio de Mauthausen, chegando o día 27 de xaneiro.
Se ben o seu irmán Francisco conseguiu sobrevivir baixo aquelas condicións, os días para Enrique estarían contados. Tralo seu traslado ao subcampo de Gusen, o seu desenlace chegaría un 27 de decembro de 1941.
A notificación da defunción foi enviada anos máis tarde ao seu domicilio de Barcelona, a nome do seu tío Manuel Tormo.
Documentación
Documento de defunción de Mauthausen. ITS Arolsen
