O mar como vía de escape
Arturo Juan García Lagares naceu na Coruña o 25 de marzo de 1895. Era fillo de Juan García Martínez, nado en Montevideo aínda que de pais coruñeses, e de Serafina Lagares Rodríguez.
Casou con Aurora Blanco Martínez e tiveron un fillo: Juan García Blanco nacido en 1917.
Traballou como enfermeiro marítimo no vapor Órbita. Estaba afiliado a “La Cosmopolita”, unha asociación de camareiros, cociñeiros e enfermeiros marítimos.
Era anarcosindicalista.
Hai constancia da súa pertenza á compañía Inglesa del Pacífico dende, polo menos, o 12 de decembro de 1936. Xunto a catro compañeiros, desembarcaron en Liverpool, rexeitando todos eles volver á Coruña por temor a ser detidos á volta.
Con data de 1 de marzo de 1937 sabemos que estaba en Barcelona.
Tralo final da guerra de España, como outros tantos, exiliouse en Francia e foi internado nun campo de concentración francés. Posteriormente foi detido en Żagań (Polonia) e enviado á prisión XII-D de Trier, onde permaneceu co número de prisioneiro 55653.
Foi deportado a Mauthausen xunto a Víctor Conde Núñez e Adrián del Castillo o 25 de xaneiro de 1941.
Pouco despois trasladárono ao subcampo de Gusen, onde o asasinaron o 12 de xullo de 1941.
Documentación
Carta de defunción do Ministerio francés de Antiguos Combatientes e Vítimas de guerra.