Grazas ao fútbol librou dunha morte segura
Adolfo Bregua Mouriño naceu na Coruña o 24 de setembro de 1906. Vivía no barrio de Vioño, e desfrutaba xogando ao fútbol. Tiña unha empresa de caixas e chegou a ser Delegado do Sindicato de “Cajonistas y Aserradores La Libertad” de A Coruña en 1930. Continuou a súa actividade sindical, xunto con José Moreno Torres, cunha enorme significación en diferentes cargos na CNT e participando en mitins ata 1936.
Despois dunha fuxida non conseguida, volveron intentalo na embarcación “La Libertaria” xunto cunha vintena de cadros da Federación Local Obrera da CNT coruñesa. Entre eles, José Moreno Torres, Julián Carballo, José Prego Moisés Erguido, Emilio Novás, Manuel Roque Gantes, Antonio Suárez ou Joaquín Carlos Riveiro.
Chegaron ao porto de Xixón o 7 de xaneiro de 1937.
Nos anos da guerra, Adolfo Bregua estivo en Cataluña na defensa da República. En 1938 aparece nunha lista de beneficiarios do fondo de “Galicia Libre” da Agrupación de Gallegos Libertarios de Barcelona.
Tras fuxir a Francia, foi internado no campo de Le Barcarès e o 27 de agosto de 1939 entra no hospital de Saint-Louis de Perpignan.
Máis tarde é capturado polos alemáns e levado ao stalag (prisión) V-D de Estrasburgo, para despois ser deportado a Mauthausen o 13 de decembro de 1940. O terrible campo onde a xente morría de fame, extenuada polo traballo ou nunha terrible cámara de gas.
Adolfo Bregua tivo a fortuna de xogar ao fútbol. Grazas a que aos alemáns lles gustaba este deporte, conseguiu traballar na cociña e así evitar o traballo na canteira e poder alimentarse un pouco mellor, ao mesmo tempo que trataba de axudar a outros compañeiros.
Logrou sobrevivir ata o momento da liberación: o 5 de maio de 1945. Adolfo Bregua saíu cos compañeiros da barraca 32: Pola, Roberto, Moiset e Amadeo Cinca. Atrás quedaran os días de outubro no que un grupo deles, desesperados, decidiran, collidos das máns, tirarse ao arumado para morreren electrocutados.
Sobrevivíu a aquel inferno e despois de atravesar os Alpes, pasou a Francia e acabou en Brasil.
Voltou xa moi maior para non esquecer a súa terra e o seu barrio de Vioño.

Documentación
Ficha do campo de concentración. ITS AROLSEN
