Introducción
Un deportado do barrio de Vioño , Adolfo Bregua, quen conseguira librar da morte no campo de Mauthausen, tivo que escribir una carta para comunicar o falecemento á familia de Martín Ferreiro dicindo: “Siempre estuvimos juntos hasta el final. Yo lo quería casi como si fuera mi padre. Nada pude evitar el desenlace que para mí fue muy doloroso y solo pido a su mujer y a sus hijos que tengan resignación y calma, convencidos de que su marido no hizo nunca daño a nadie, todo lo contrario, qué bueno que era, no tenía una mala palabra. Murió como los hombres por una idea”.
Dar esta nova non sería fácil porque estas mortes nos campos de concentración alemáns non se puideron entender.
Campos nos que se falaba galego, así Martín pudo lamentarse, pouco antes de morrer ante Francisco Pena de Boiro cando se sentía tan triste “por non volver ver a miña Coruña”. E non a volveu ver.
Houbo un silencio cómplice ata hai ben pouco tempo, só a memoria dos superviventes que a mantiveron para nunca esquecer.
Ás veces, unha foto requisada a un prisioneiro e comunicada na prensa, xa no século XXI, deu para investigar e buscar o acontecido na persoa de Emilio Rodríguez.
Neste labor estamos a ARMH traballando para dignificar, visibilizar, homenaxear e dar voz aos nosos deportados.
A partir de documentos, de fríos rexistros -que tamén enfrían o corazón- puidemos ver o camino dos deportados, coruñeses, galegos e españois, douscentos galegos, dez mil españois e millóns do resto de Europa foron os que levaron aos campos da morte.
Podemos seguir o paso deles despois do golpe de estado en España en xulio de 1936, fuxindo en lanchas, a pé, en tren, outros. Marchaban para incorporarse a loitar no bando republicano. Moitos deles perderon o contacto coa familia a partir de aí.
Sabemos, tamén, do seu paso polos campos franceses, eses terribles lugares sen comida, sen hixiene e illados con aramados e ameazados con homes armados. Despois incorporáronse ao exército francés coas Compañias de Traballadores Estranxeiros ( CTE) e no exército regular e tamén na loita da Resistencia e na Lexión Extranxeira.
Loitaron na batallas, fixeron fortificacións, obras en estradas, pontes, cuarteis, campos de tiro ou aeródromos. Traballo duro co exército da Francia que tan mal os tratara cando fuxiran da guerra de España e no monte defendendo cos maquis a Francia do nazismo.
Francia foi ocupada e os nosos coruñeses foron tomados prisioneiros: Pasaron polos stalags de Estrasburgo, Trier, Angulema, Moosburg, Belfort, Fallingbostel, Krems-Gneixendorf,Bathorn , Wiebelsheim ou Frankenthal.
O goberno español, a pesar das numerosas peticións do goberno alemán, desentendeuse destes homes.
Arturo García Lagares, Adrián del Castillo e Víctor Conde Núñez, presos en Trier, compartiron tren, o dia 25 de xaneiro de 1941 e xuntos acabaron en Mauthausen. Arturo foi asasinado o 12, apenas cinco meses despois. Víctor Conde conseguíu sobrevivir, era home de mar e era forte e os labores de costura librárono da morte, como tamén o xogo do fútbol de Adolfo Bregua ou a conducción da pala de Eduardo Sánchez García, ao millor unha triste pala coa que arrepañarían os corpos.
Adrián del Castillo foi asasinado no terrible castelo de Hartheim. Alí asasinaban aos discapacitados e enfermos e aos que non podían xa traballar. Nese terrible lugar, tamén, fixeron experimentos médicos. Sería benvida a morte rápida.
No terrorífico setembro de 1941 foron, tamén, gaseados Juan González del Valle, Luis Rafales Lamarca, Clemente Juan de la Cruz e Fernando Batalla Canle.
Estes dous últimos, Clemente Juan de la Cruz, mariñeiro e Fernando Batalla Canle, chófer, foron dous do pasaxeiros do terrible “convoi dos 927” ou “convoi fantasma” ateigado de familias, deambulando por toda Europa á espera da contestación do goberno español, que nunca chegou. Ese silencio significou a deportación a Mauthausen.
Estes homes coruñeses saíran do Vioño, do Campo da Leña, da Franxa, do Orzán, da Pasaxe, do Ensanche, de Porta de Aires, de toda a cidade. Eran mariñeiros, escritores, empresarios, chóferes, almacenistas… De ideoloxía socialista, comunista, de esquerda republicana, cenetista…
Todos tiveron que marchar para non voltar.
Eles son e serán os nosos heroes.
Nunca máis o silencio
Listado de nomes
CLEMENTE JUAN DE LA CRUZ GARCÍA