Deportados Coruñeses

A Coruña dos anos 30

Mapa da Coruña do Anuario-guía de La Coruña. Ano 1930

Sociedade

Nas primeiras décadas do século XX, A Coruña vive unha etapa de crecemento sostido. Se en 1900 o municipio non chegaba aos 44.000 habitantes, en 1930 xa superaba os 74.000, un aumento de case tres cuartas partes impulsado pola anexión do concello de Oza (1912), que lle deu á cidade espazo para medrar máis alo do istmo. A Coruña concentraba xa case unha de cada dez persoas da provincia. Non obstante, haberá unha grande desigualdade social, con enormes diferenzas apreciables entre os barrios burgueses, situados no centro da cidade e no ensanche, e os barrios periféricos, de clase obreira e con vivendas insalubres, as popularmente coñecidas como ranchos e os corralóns.

Economía

Economicamente Coruña era neste tempo unha cidade de vocación comercial e de servizos. O pequeno comercio, disperso por toda a trama urbana, convivía cunhas funcións administrativas, militares e portuarias moi presentes, mentres a emigración e as remesas que xeraba sustentaban boa parte da actividade e mesmo deran lugar a unha banca local propia. A industria, a pesar de contar coa fábrica de Tabacos que empregaba a maior forza obreira de Galicia, nunca chegou a dar o salto cualitativo: predominaban obradoiros pequenos, familiares e artesanais, ligados sobre todo ao mar (conserva, xeo, subprodutos da pesca) e á construción. A Primeira Guerra Mundial e a posguerra marcarán un pulso irregular nesa economía ao que hai que engadir, nos anos 30, a crise da Gran Depresión que volveu golpear os sectores máis débiles. Curiosamente, o comercio local funcionou como «refuxio» fronte a esa recesión, mentres a industria e boa parte dos servizos sufrían a caída da emigración, o peche de fronteiras aos cartos que enviaban os emigrantes e a contracción do mercado interior.

Movemento obreiro

Esa vida económica tiña como correlación nunha sociedade obreira moi activa. Nos barrios populares (Monte Alto, Atocha, Os Castros, a Gaiteira), unha forte sociabilidade veciñal tecida arredor dos patios de vivendas e da rúa alimentaba uns valores libertarios moi enraizados. A CNT coruñesa chegou a sumar máis de 6.000 afiliados e a Federación Local Obreira tiña capacidade real para paralizar a cidade: durante a Segunda República secundáronse sete folgas xerais, por exemplo, así como a organización obreira coruñesa tomou parte activa na insurrección revolucionaria de outubro de 1934. Arredor desa militancia sindical medrou tamén unha ampla rede de ateneos e centros de estudos sociais (Germinal, Nova Era, Liberación, entre outros) que, xunto con anarquistas, republicanos e librepensadores, promovían unha educación laica e racionalista, escolas, bibliotecas e conferencias. O lecer completaba ese tecido social: grupos de teatro, veladas literarias, equipos deportivos ou xiras campestres que facían da cultura popular outro espazo de encontro veciñal.

Galeguismo e movemento vangardista

Neste sentido, A Coruña foi un dos berces do galeguismo político e da vangarda artística, da man das elites intelectuais e culturais (xornalistas, escritores, profesionais liberais). Aquí fundouse a Real Academia Galega, as Irmandades da Fala e, en 1930, celebrouse a VI Asemblea Nacionalista, congreso que reorganizou o movemento e que, meses despois, cristalizaría na creación do Partido Galeguista. Nese mesmo ambiente intelectual coruñés medrou tamén Alfar, revista artística ultraísta, apoiada polos consulados americanos e as casas consignatarias, con colaboracións de autores e artistas de ambas beiras do Atlántico, ademais doutras revistas culturais coma Luz, Vida e Casa América-Galicia e editoriais coma Lar.

Política

No eido político, a proclamación da República en abril de 1931 supuxo oficializar algo que na cidade era xa unha realidade, pois dende 1901 (un ano antes de que Alfonso XIII asumira o reinado) ata o comezo da ditadura de Primo de Rivera en 1923, os concelleiros republicanos foron maioría na corporación municipal, convertendo a cidade nunha auténtica illa republicana dentro dun réxime monárquico.

Proclamación da República na praza de María Pita. Arquivo do reino de Galicia

Nas eleccións municipais do 12 de abril, 33 dun total de 39 concelleiros elixidos foron republicanos. Consecuentemente, o día 14 unha gran manifestación partiu dende o Casino Republicano, sito nos Cantóns, cara á praza de María Pita para que os novos concelleiros electos tomasen posesión e proclamasen oficialmente a república.

Concelleiros da Corporación Municipal saída
das eleccións do 12 de abril de 1931

⛓

A proclamación da República na Coruña

Carta de Martín Ferreiro Álvarez ao seu cuñado

Cada punto é un concelleiro — pasa o rato ou toca para ver o grupo completo

Listado inicial dos concelleiros electos en Coruña nas eleccións do 12 de abril de 1931.

O novo réxime tentou reformar a situación do país e das clases máis desfavorecidas, impulsando unha constitución progresista que incluía o sufraxio universal (masculino e feminino), a igualdade xurídica, a protección ao traballador (con xornadas de oito horas, salario mínimo e o seguro de enfermidade), o dereito á educación (cunha escola primaria unificada, gratuíta, obrigatoria e laica), e tamén se recoñeceu o dereito ao divorcio.

Con todo, foi un período de certa inestabilidade, marcado polas folgas xerais e os acontecementos revolucionarios de outubro de 1934 en Asturias, que na cidade supuxo que varios concelleiros de esquerdas foran cesados por vía gobernativa, entre eles o alcalde, Alfredo Suárez Ferrín. Malia a isto, coa vitoria do Frente Popular nas eleccións de febreiro de 1936, Ferrín volvería á alcaldía.

Ese intento de renovación social, sindical e política, cunha cidade que medraba e cun movemento obreiro que tamén aumentaba cada día, sería truncado co golpe de estado militar do 20 de xullo de 1936.

Ligazóns de interese

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Contiene enlaces a sitios web de terceros con políticas de privacidad ajenas que podrás aceptar o no cuando accedas a ellos. Al hacer clic en el botón Aceptar, acepta el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Más información
Privacidad